Software libre

Medicamentos xenéricos ou de marca?

Estás de acordo en que na sanidade pública se aforren cartos apostando polos medicamentos xenéricos sempre e cando existan como alternativa aos medicamentos de marca?

Prefires unha marca branca no supermercado cando che garanten unha calidade similar no produto pero a un prezo máis económico?

Nun día frío de inverno prefires ter todas as ventás da túa casa pechadas para aforrar en calefacción, e non entendes o de aqueles/as aos que non lles preocupa ter unhas ventás pechadas e outras abertas?

Prefires apostar polas economías locais, respectuosas co seu contorno, antes que polos produtos das grandes multinacionais do mercado?

Defendes os valores das minorías, da interculturalidade, das identidades particulares, das linguas minoritarias?

Eres un profesional comprometido que ten na coherencia das súas accións un principio a seguir?

Pensas que compartir os coñecementos e cooperar é un valor máis noble que competir e buscar primeiro o beneficio persoal?

En caso favorable, a túa aposta no mundo das tecnoloxías da información e da comunicación, e en concreto no mundo do software, debe ser polo software libre.

A túa aposta é polo software libre

Xa que:

– Permite aforrar importantes custos económicos en licenzas de software á Administración educativa, ao profesorado e ás familias do alumnado.

– Moito está traducido a linguas minoritarias, entre elas a lingua galega.

– Pasarías a formar parte dunha gran comunidade de persoas que participan altruistamente compartindo os seus coñecementos.

– Encaixa dentro do círculo das eleccións coherentes dun profesional da educación crítico e comprometido.

– Contribúe ao desenvolvemento do sector tecnolóxico local.

– Valora por encima de todo unha actitude ética ante a vida antes que outra meramente técnica ou tecnolóxica. A de compartir o coñecemento, traballar en equipo, ser solidario e non deixarse atrapar polo ruído do mercado.

Por que queremos software libre no ensino público obrigatorio?


Argumentos para o profesorado

Argumentos para os pais e nais do alumnado


Escola 2.0: Dez razóns para elixir software de fontes abertas na educación
(CENATIC, Centro Nacional de Referencia de aplicación das TIC baseadas en fontes abertas)

O código aberto é un modelo educativo en si mesmo libre, democrático, sostible e tecnolóxicamente competitivo

Non existe liberdade sen coñecemento

Non existe o coñecemento en termos absolutos, e tampouco a liberdade. Todos os días aprendemos algo novo, novas experiencias e novas reflexións sobre esa experiencia modifican e amplían o noso coñecemento da realidade. Igual sucede coa liberdade, nacemos libres só como estado potencial, pero é o coñecemento o que pon rostro a esa liberdade, que como aquel non deixa de conquistarse no día a día.

O uso da tecnoloxía é neutral en valores?

As tecnoloxías son neutrais dende unha perspectiva dos valores? En todo caso o uso das tecnoloxías non o é. En posicións extremas poden utilizarse para dar vida ou para quitala. Co uso que lle demos beneficiamos certas tendencias sociais e minusvaloramos outras. A nosa decisión si importa.

Non nos importan as TIC?

Algúns profesores aínda son reticentes a utilizar os ordenadores, cren que cun pouco de sorte poderían xubilarse sen aprender a utilizalos ou dándolles o menor uso posible, e en todo caso non teñen o menor interese en coñecer con quen se relacionan… bástalles con que funcionen, con que ao darlle a unha ou dúas teclas precisas obteñan a resposta esperada. Pero…

Cando che poñen a comida no prato… ¿non te preguntas de onde procede, quen a produce, a quen van destinados os cartos que pagaches por ela?… nese caso segue así que vas por bo camiño.

Se, pola contra, eres unha persoa con conciencia social, á que si lle importa saber de onde vén a comida que ten no prato cada día, quen a produce, en que condicións, e a quen chegan os cartos que paga por ela… entón tamén che preocupa saber quen pon o software no teu ordenador e as implicacións que ten que uses un tipo de software e non outro. Os teus actos (tan sequera as túas decisións) de usar un tipo ou outro de software favorecen ou promocionan determinados tipos de consecuencias sociais. Se usas software privativo favoreces un modelo económico onde unhas poucas multinacionais xeran a práctica totalidade do mercado, favoreces as prácticas de piratería de software, axudas a que os teus alumnos/as se “fidelicen” con determinadas marcas e non sexan capaces de ver máis alá.
Se usas software libre pasas a pertencer a unha comunidade solidaria que produce e usa ese software de xeito altruísta, promocionas condutas de colaboración e de compartir os coñecementos, apoias ás minorías sociais que defenden os seus rasgos identitarios, etc.

Que é o software libre?

Neste enlace atopamos unha introdución ao  software libre


A Administración utiliza software libre?

Dez razóns para que a Administración libere software

* O artigo 11 do Real Decreto 4/2010, establece literalmente que “as Administracións públicas usarán estándares abertos, así como, no seu caso e de forma complementaria, estándares que sexan de uso xeneralizado polos cidadáns”.

Este punto obriga ás administracións a utilizar estándares abertos; falando en términos estritos, esta obriga supón que os formatos dos arquivos que manexa e a administración nas súas comunicacións cos cidadáns, tamén deben ser libres, é decir, a Administración debe admitir un documento redactado en Open Office, pero non está obrigada a admitir un documento Word.

Outros enlaces para saber máis:

Blog xosevidal
Blog CEIP A Rúa
Blog TIC CEIP A Rúa

Internet en el Aula- Grupo de Software Libre

Invitamos a participar aos pais e nais e ao profesorado nun debate de gran relevancia

Dada a trascendencia que está a acadar o desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) nas escolas, e a propósito dunha noticia que informa sobre a intención do goberno de Zapatero de regalar un portátil a cada alumno de primaria nos vindeiros anos, pero con software privativo instalado, da multinacional Microsoft, sen tan sequera terse sacado a concurso público. Tamén se informa nesta entrada do diario El País.

O debate está servido, con dúas opcións extremas:

1. Aceptar o software de Microsoft (Windows e Office), unha marca que ten o monopolio no sector, e que ten intereses empresariais concretos para incluso regalar o software se fose preciso (crear potenciais usuarios para o futuro, dependentes dos seus produtos)

2. Defender o uso exclusivo de software libre nas aulas (GNU/Linux, Firefox, OpenOffice…). Que o software sexa libre implica entre outras cousas que tamén é legal distribuír copias sen pagar licenzas e acceder ao código fonte dos programas. Para saber algo máis ver neste enlace de introdución ao software libre.

O software libre é unha especie de medicamento xenérico fronte ao de marca, se facemos unha analoxía coa industria farmacéutica. Para que imos pagar máis os usuarios por un produto que nos ofrece basicamente as mesmas prestacións?

No debate entran aspectos de puro utilitarismo técnico, económicos… pero tamén, e tal vez isto sexa o máis importante ao falar de educación, aspectos éticos e filosóficos… pois no fondo nas escolas estamos deseñando a sociedade do futuro.

Algunhas das razóns a favor do uso do software libre nas escolas:

  • por seguridade: ausencia de necesidade de antivirus, internet e conexións máis eficientes e seguras
  • por gratuidade e legalidade: miles de aplicacións gratuitas sen necesidade de piratear nada
  • por rendemento e ergonomía: capacidades multimedia maiores, estabilidade da execución dos programas e uptime do sistema
  • por localización: sistema e aplicacións traducidas nas linguas oficiais do país (case definitivo se é unha cuestión autonómica)

Ver máis razóns aquí:
Razóns para o uso do software libre na escola
Vídeo de Stallman sobre o mesmo tema
Hispalinux censura o custo económico e a dependencia tecnolóxica da “solución” Microsoft para a educación, publicado en GALPon.
Zapatero se equivoca, artigo de Jordi Adell
Software libre en educación infantil y primaria, de Jordi Adell (descargar en .zip)

Migrando ao software libre nas escolas

O inicio de curso é un bo momento para introducir innovacións que afectan dun xeito estrutural ao funcionamento dun centro educativo. Unha delas é a migración ao software libre.

Achegamos dous documentos con argumentos a favor da utilización de software libre nas escolas, un dirixido especificamente ao profesorado, e un segundo dirixido aos pais e nais do alumnado.

Razóns para o profesorado : apélase en primeiro lugar á responsabilidade profesional docente (toma de decisións argumentada no saber profesional), en segundo lugar a razóns éticas (maior coherencia cos valores sociais promovidos dende a escola: traballo compartido, traballo en equipo, solidariedade social…) e por último a razóns prácticas (menores custos económicos, maior seguridade…)

Razóns para os pais e nais do alumnado: os argumentos van na mesma liña, neste caso substituíndo a responsabilidade profesional polo responsabilidade materna e paterna.

Internet segura para nenos

Hoxe estivo connosco no colexio unha persoa responsable da sección de delitos tecnolóxicos da Garda Civil de Pontevedra para conversar co alumnado de 5º e 6º cursos sobre os perigos dun uso inapropiado de internet.

Informounos moi especialmente dos seguintes asuntos:

1. O perigo que supoñen os virus no noso ordenador: pódennos roubar contrasinais, roubarnos os cartos, roubar información persoal do ordenador, ralentizar ou estropear o funcionamento do ordenador, terceiras persoas poden cometer delitos que despois se nos poden imputar a nós co risco de poder ir ao cárcere, etc.

2. Os perigos dos chats tipo “Messenger”. Agregamos a persoas descoñecidas sen valorar o perigo que iso supón, pois esas persoas poden ter malas intencións e facernos dano. Poden obter de nós facilmente información íntima: datos persoais, direccións, números de teléfono, gustos, etc. para logo utilizalos na nosa contra.

Ofreceunos as seguintes recomendacións a seguir:

1. Para os virus: nunca utilizar software que non sexa legal, pois non se actualiza (por exemplo o sistema operativo windows ou microsoft office) e son unha fonte moi propicia para os virus informáticos. O máis recomendable é:

a) Borrar Microsoft Office (Word, Excel, Powerpoint…) do noso ordenador, se o temos como copia ilegal (lembrar que o prezo legal anda nun mínimo de 200 euros), e instalar no seu lugar Open Office, (pincha no enlace para descargar) unha suite ofimática con procesador de texto, folla de cálculo, presentacións, etc. de software libre, e polo tanto legal e gratuito, que se actualiza a miúdo.

b) Eliminar do ordenador o navegador de internet se o tedes ilegal (O máis extendido é Internet Explorer) e utilizar no seu lugar un navegador de software libre, legal e gratuíto, como por exemplo Mozilla Firefox.

c) Borrar o sistema operativo Windows, tamén no caso de telo ilegal, e instalar por exemplo unha distribución de GNU/Linux, sistema alternativo de software libre, e polo tanto legal e gratuíto, mantido pola comunidade do software libre e con actualizacións constantes. Unha das distribucións máis populares é a Ubuntu, que podedes descargar desde aquí.

Hoxe en día a utilización do sistema operativo e as aplicacións en software libre son ao menos tan sinxelas coma co sistema operativo Windows, e con entornos gráficos máis personalizables e tuneados máis vistosos (ideal para os nenos e rapaces).

Lembrar, non obstante, que o feito de ter software libre funcionando no equipo protexe contra os virus, pero non contra outro tipo de prácticas que son responsabilidade plena do usuario, como por exemplo ofrecer información persoal nas redes sociais, cousa que non se debe facer nunca.

Os pais e nais teñen un traballo inexcusable na educación e formación dos seus fillos no uso responsable de internet. Porque aquí só hai dous camiños posibles, que o usuario controle a máquina e o software a través do coñecemento, ou que sexa a máquina e o software o que controle ao usuario e o convirta na súa vítima. A sociedade das tecnoloxías da información e da comunicación está chamando ás nosas portas e os seus golpes son cada vez máis intensos, non nos queda outra que agarrar o touro polos cornos, e non podemos permitir que os nosos fillos saiban máis ca nós. Como mínimo teremos que aprender ao lado deles e guialos non só no camiño da técnica, senón e sobre todo no camiño da ética.

A Administración Educativa está incitando abertamente ao fraude e á piratería do software. Instala nos seus equipos software privativo da marca Microsoft, que abusa do seu monopolio no mercado e que ten un custo económico determinado para a Administración e tamén para os usuarios. Ao ser utilizado nas escolas condiciona que o alumnado e as súas familias utilicen nas súas casas o mesmo software, entre outras cousas por problemas de formatos. E as familias deben gastarse os cartos en mercar o software ou optar pola vía da ilegalidade e obtelo gratis no mercado negro. Xeralmente elixen esta segunda opción. E todo iso cando existen no mercado alternativas de software libre e gratuíto (como por exemplo GNU/Linux ou Open Office) plenamente válidas. Dominan os intereses dos monopolios de certas empresas sobre o ben común da sociedade.

Dese xeito os nosos nenos e nenas acaban converténdose en traballadores involuntarios de Microsoft, servindo á esta gran empresa, pois non é preciso recordar que gran parte do seu éxito radica no labor de formación que uns usuarios se dan a outros para aprender a manexar o software. De aí saca Microsoft gran parte da súa fortuna. E esta nube de traballadores tan sequera recibe un euro a cambio! Pola contra, aprenden a través do currículo oculto a desexar as marcas comerciais polo seu valor mediático, a aceptar o individualismo e a competición persoal como un ben social e, como mal menor, a converterse en piratas tecnolóxicos, en ilegais, é dicir, a estar fóra da lei.

Pola ética no ensino e para imaxinar unha sociedade solidaria, é preferible que os nosos nenos e nenas se sumen á comunidade do software libre, usando e distribuíndo o software, sen pedir un euro a cambio, e de xeito legal, libre e gratuíto. Aprenderán valores de colaboración, de compartir o coñecemento, de solidariedade, aprenderán máis a nivel técnico (podemos acceder ao código fonte dos programas) e estarán máis protexidos dos perigos da rede.

Para saber máis ver http://xosevidal.blogia.com/temas/software-libre.php

Comments are closed.

Staypressed theme by Themocracy