Category: Seguridade en Internet

Guías para o bo uso de internet entre os máis novos/as

O pasado mes de marzo, Childnet International publicou en lingua castelá unha Guía para pais e profesores para fomentar un uso responsable de internet por parte de nenos e adolescentes. Colaboraron Promusicae, Sage y FAP. Esta Guía céntrase na defensa da propiedade intelectual nos contidos de música, cine e televisión en internet. Pódese descargar neste enlace.

Pero como acontece a miúdo,  para coñecer unha realidade de xeito crítico non chega cunha soa pata da mesa, e aínda que teñamos que asumir un maior esforzo intelectual, se realmente queremos ter unha posición fundamentada sobre este tema, debemos saber máis.

Recentemente, en TVE emitiuse o documental ¡Copiad, malditos!, con licencia Creative Commons, e que ofrece outra perspectiva sobre a propiedade intelectual na era de internet. (Este documental ten unha duración de 58 minutos. Recomendamos especialmente a súa visualización a partir do minuto 47:00).

Este documental non foi moito do agrado do Instituto Ibercrea, creado por catro entidades españolas de xestión colectiva de dereitos de propiedade intelectual: Agedi, Aie, Cedro e Sgae. Na súa web expoñen as súas queixas ao respecto.

A rede de Hacktivistas vén de editar unha Contra-Guía á publicada anteriormente por Childnet International, baixo o título de “Música, Cine y Televisión legal, libre y gratuita en internet”, esta vez dirixida a nais e profesoras, onde expoñen e defenden outro punto de vista na defensa dos dereitos de propiedade intelectual. Nas imaxes enlazadas abaixo poden compararse as diferentes portadas destas guías así como o seu contido.

Os nosos fillos/as usan redes sociais en internet?

Os  mozos de agora xa non discuten por veren a televisión no salón da casa nin pasan toda a tarde enganchados ao teléfono, senón que se comunican con todas as súas amizades a través de Internet e mediante determinados servizos coñecidos como redes sociais.

Facebook e Tuenti son dúas das redes sociais máis coñecidas. Neses espazos virtuais os nosos fillos/as danse a coñecer aos demais como se se anunciasen  nun escaparate, ensinando  a súa música preferida, as súas fotos, os vídeos que máis lle gustan, etc… e chegando incluso a dar datos relevantes sobre a súa intimidade.

Somos conscientes como pais e nais das vantaxes e os riscos deste novo modo de relacionarse dos nosos fillos/as?

Podemos ampliar o noso coñecemento con dous breves artigos publicados en Consumer.Eroski sobre o tema das Redes Sociais e o papel que os pais e nais deben asumir diante desta nova realidade que se impón día a día aos nosos fillos e fillas.

O primeiro deles, do ano 2008, e co título  Do patio da escola á Rede dende o cuarto, simplemente fai unha breve introdución ao que son as Redes Sociais e dinos cales son as máis utilizadas.

No segundo, datado en abril de 2010, recóllese unha entrevista moi substanciosa con Gemma Martínez, investigadora da Universidade do País Basco, experta en menores e Internet. Na entrevista, Gemma recomenda que os pais/nais do menor se creen un perfil na rede social do seu fillo/a  para aconsellalo.

Staypressed theme by Themocracy